Bivir, Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego | Catálogo de Obras

Estas son as últimas incorporacións á Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego:


O CASAMENTO DO CEO E DO INFERNO
William Blake, tradución de Miguel González Álvarez
Esta obra de William Blake forma parte dunha serie de libros que escribiu a xeito de imitación da profecía bíblica, pero cunha interpretación de seu baseada en crenzas revolucionarias e relixiosas. O texto combina prosa, verso, aforismos e ilustracións. Coma outras das súas obras, foi impresa en láminas realizadas con augaforte. O título é unha referencia irónica ao "Do ceo e do inferno", do filósofo sueco Swedenborg, que se publicara anos antes, e unha obra que Blake cita e critica en numerosas pasaxes. Malia que boa parte da súa cosmogonía se viu influída por el, a Blake desagradábanlle a súa estrutura moral simplista e mais a súa visión maniquea do ben e do mal, e iso foi o que levou a expresar a súa propia visión, onde o desexo físico e o mundo material son un co mundo divino; isto é, o matrimonio do ceo e do inferno.
O casamento do ceo e do inferno, PDF


LUNS OU MARTES
Virginia Woolf, tradución de Jorge Rodríguez Durán
"Luns ou martes" é unha colección de relatos modernistas de Virginia Woolf publicada en 1921. Esta antoloxía está composta por algúns dos contos máis salientables de Woolf, onde combina o relato fantástico co modernismo. O propio título do libro provén dun razoamento ao pasar nun dos seus grandes ensaios, onde fala da "vida dun luns ou martes", para Woolf o núcleo do que ela considera ficción; é dicir, un estado onde o fantástico se mestura co ordinario, sen que cheguen a percibirse moitas diferenzas entre ambos.
Luns ou martes, PDF


MÚSICA DE CÁMARA
James Joyce, tradución de Lorenzo Marońo
"Música de cámara" foi escrito nos anos universitarios de Joyce e significou a súa primeira publicación. O seu primeiro manuscrito constaba de 34 poemas, e foi rexeitado por catro editoriais, feito que obrigou a Joyce a realizar algunhas modificacións antes de conseguir publicalo. Esta obra está composta de 36 poemas numerados e unidos por unha estrutura temática. A música é esencial e cobra protagonismo dende o principio, non en van, Joyce insistiu na identidade da colección como poemas escritos para ser cantados máis ca lidos.
Música de cámara, PDF


CONTOS
Osamu Dazai, tradución de Dámaso Ferreiro Posse
Osamu Dazai é unha das figuras máis importantes da literatura xaponesa do século XX. Venerado no seu país de orixe, Dazai é considerado o perfecto retratista da dor existencial, unha dor que o levará ao suicidio con apenas 39 anos. Nesta colección preséntanse tres breves traballos representativos do seu labor artístico.
Contos, PDF


UN MUNDO DISTINTO E IGUAL
Joseph Hall, tradución de Alfonso Blanco
Esta obra, escrita en latín en 1605, está considerada como unha das máis valiosas sátiras clásicas dende un punto de vista literario. As súas páxinas, cheas de suxestivos e irrisorios arquetipos humanos, foron o método empregado polo seu autor para atacar a corrupción da Igrexa católica romana. O mundo que nos presenta está ateigado de necios e fanáticos, e nel invértense os roles tradicionais de homes e mulleres e as sociedades están gobernadas por códigos de conduta aloucados. Malia todo, a viaxe de Mercurio Británico por este mundo leva ao descubrimento de que é idéntico a aquel que se ten por civilizado.
Un mundo distinto e igual, PDF


...


Visita o CATÁLOGO COMPLETO da Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego.


ATG. Asociación de Tradutores Galegos
info@tradutoresgalegos.com
+34 652 596 684
Copyright 2012. ATG - Asociación de Tradutores Galegos